Novela de muller de hoxe
NA NOSA BIBLIOTECA
‘A forma das nubes’, de María López, é un desafío narrativo sorprendentemente logrado. É a historia dunha muller, pero non a dunha muller calquera, senón a dunha muller que quere entender, comprender, desde as formas das nubes até os avatares da vida. Artigo de Xosé Manuel Eyré.
Por Xosé M. Eyré | Vigo | 10/04/2013- Galiciaconfidencial
Escollemos hoxe para comentar á que é unha desas agradábeis sopresas que nos deixa cada ano narrativo, neste caso, ademais, unha novela de muller, d emuller de hoxe, a estrea dunha autora no eido narrativo e o Premio Repsol de Narrativa Breve correspondente ao 2012. E ademais unha novela breve. 95 páxinas, non necesita máis espazo a autora para escribirnos unha vida marcada polo desamor. O testemuño vital dunha muller que sempre estivo máis cerca do desamor que do amor. Dunha muller, esa voz silenciada ao longo do tempo na sociedade e na literatura.
Mais, sobre calquera outra cousa A forma das nubes é un desafío narrativo sorprendentemente logrado. Por unha banda, sábese conxugar dous extremos aparentemente opostos, e estrutura en liña e a estrutura circular. Porén iso xa se ten visto moitas máis veces. O que se ve en moi raras ocasións, e por iso agora queremos salientalo, é que se trata dun discurso moi pulcramente puntuado, dun discurso que atesoura un nivel de redacción absolutamente notábel nun tempo onde este valor xa non ten a vixencia de antano, cando era o factor discrimantorio entre o/a auténtico/a escritor/a e quen simplemente poñía unha palabra detrás da outra. Cousa que se nota, e moitísimo, cando un ten diante dos ollos as páxinas da novela, pois a lesctura resulta sumamente agadábel malia tratar un tema que de por si non é precisamente agradábel. Dá gusto ler A forma das nubes recreándose un no exquisito coidado formal do texto; nunha novela breve na que como tema non se escolleu precisamente un dos menos frecuentados na historia literaria, a noso xuízo este é o primeiro valor a salientar.
E ese exquisito coidado formal é quen permite, en moi boa parte, que o ritmo expositivo estea tan coidado, que non haxa demoras nin présas senón tempo para todo e atención na xusta medida. Por exemplo, coas personaxes. Pois segundo di o canon a novela breve é xénero de poucas personaxes, mais non precisamente aquí. Segundo a narradora vai contando a súa experiencia vital vese na obriga de dar entrada a esta personaxe ou aqueloutra, tantas veces de xeito tanxencial e moi breve, mais o suficiente como para que esa personaxe fique perfectamente individualizada a través da súa influencia no fío narrativo condutor, ese baleiramento de emocións, de sensacións, de feridas e aloumiños, de apetencias e desenganos en que consista a vida da protagonista. Unha vida repetida, coas súas variacións e especificidades mais no fondo tan pouco diferente, no esencial, da da súa nai. Contada nun ton a medio camiño entre a confidencia e a introspección, descritivo, interpretativo, avaliativo, de xeito que a reflexión e interpretación acoden cando é preciso ( botando man do mundo do cinema, da propia literatura, inclusive tamén da fotografía) tinxindo a narración sen condicionar o ritmo.
Adoito se ve neste tipo de discursos unha preocupación existencial que non está ausente nesta novela breve de María López Sández. Mais consideramos importante salientar que esta exposición existencial non é dunha muller calquera senón da dunha muller que quere entender, comprender, desde as formas das nubes até os avatares da vida. En si, unha revolucionaria. Como xa o fora, polo mesma necesidade comprensiva, Rosalía. E nesa seguimos, o que dá unha idea da evolución e o estado da cuestión á hora de analizar os progresos sociais. En si, unha revolucionaria, porque, independentemente do sexo, quen se enfronte á vida querendo interpretala, racionalizala, entendela, merece com mínimo ese cualificativo.
Eis, pois, unha novela onde a autora demostra grande habilidade no uso dos recursos narrativos. Desde a primordial puntuación do redactado, ao manexo de ritmo expositivo, á concepción dunha estrutura axeitada especificamente ao discurso que quere ofrecer e que en ningún momento se forza para encher máis espazo, e ao uso dunha linguaxe directa e plena. De xeito que a lectura deixa a sensación de que a autora sabe o que quere contar e como o quere contar, sen pertmitir concesión ningunha ao que non estea non se encadre directamente nese plano narrativo. Se se quixer unha imaxe descritiva, esta ben pode ser a dunha árbore na que as pólas locen sen ocultar un tronco robusto e lanzal, porque se soubo aplicar correctamente a necesaria poda onde era preciso. Algo tan sinxelo. Lonxe de calquera exercicio verborreico, porque na literatutra un traballo imprescindíbel e non sempre acometido é a poda, a eliminación do non substabcial. Velaí a lección que ás veces se tarda tanto en aprender, aquí, da man dunha autora debutante.
Deixar unha resposta