Saltar ao contido
01/07/2020 / lernolosada

Medindo distancias a través dun libro

Sheila Ferreiro (4º ESO) foi outra das alumnas que quixo contribuír coa sua lectura do libro “A que altura está o ceo” dentro do Club de lectura científica. A súa achega é moi reveladora

altura ceoA que altura está o ceo? é un libro que recolle os diversos procesos e teorías que fixeron os antepasados para descubrir todo o que hoxe en día coñecemos sobre o Universo.
Erastóstenes foi un grego que viviu entre o 276 a.C. e o 194 a.C. e sempre puxo en dúbida a concepción que existía na época de que a terra era plana. Para desmentilo, axudouse dos raios do sol e da sombra que existían entre dúas cidades distintas da terra. Coñecendo o arco que as separaba e a distancia que había entre, acabou descubrindo a lonxitude da circunferencia da Terra.
Anos máis tarde Hiparco puxo unha moeda entre o seu ollo e a Lúa para que esta estivera tapada por completo. Despois fixo a seguinte regra de tres para calcular a distancia ata ela: a distancia entre a moeda e o ollo polo diámetro da lúa, e isto entre o diámetro da moeda. O resultado fora de 40.000km, aínda que hoxe en día sábese que é de 380.000km.
Aristarco intentara descubrir tamén o tamaño da Lúa, pero ao non saber aínda a distancia que calcularía máis tarde Erastótenes, isto éralle imposible. Aínda así propúxose o reto de saber a distancia que había ata o Sol. Veu que existía un triángulo rectángulo entre a Terra, o Sol e a Lúa, e necesitaba saber o ángulo do mesmo. Aristarco aproximou ese ángulo e saíulle unha cantidade que xa naquela época vían bastante errónea. Hoxe xa coñecemos ese ángulo, pero para a distancia ao Sol poderían haber aplicado a mesma regra de tres que utilizaron coa Lúa.
Despois deste esplendor que realizaron os gregos nos séculos a.C., non se volven a realizar este tipo de teorías ou cálculos ata a Idade Moderna (s. XVI-XVII).
O seguinte descubrimento aconteceu dous mil anos despois. Ata aquel momento o planeta Terra considerábase que se atopaba no centro do Universo, mais foi Aristarco quen chegou a conclusión de que se o Sol era máis grande que a Terra, era el quen tiña que estar no centro. Esta teoría non tivo validez ata a Idade Moderna. Foi Nicolás Copérnico (1473-1543) quen decidiu instalala finalmente. Pero non a publicou ata que morreu, xa que ese tipo de pensamentos daquela eran considerados herexía. Outros autores posteriores (Galileo Galilei e Johannes Kepler) apoiárona para que se acabase aceptando. Foi tamén Copérnico quen afirmou que todos os planetas daban voltas arredor do Sol debuxando circunferencias. Anos máis tarde, Kepler fixo un traballo moi minucioso onde chegou a conclusión de que non xiraban formando círculos, senón elipses. Ademais tamén descubriu a través dunha regra de tres que existía unha relación entre o tempo que lles leva dar unha volta ao Sol, e a súa distancia a el. Este cálculo, chamado terceira lei de Kepler, o tempo vai elevado ao cadrado e o raio ao cubo. Esta lei foi unha das bases da teoría da gravidade de Isaac Newton.
Apenas pasara un século cando Giovanni Cassini (1625-1712) descubriu que un mesmo corpo, dependendo dende onde o miremos respecto a Terra, pode estar nun lugar ou noutro. Para afirmalo mandou a un axudante que observara Marte dende o outro lado do Atlántico mentres el o miraba no lado oposto. As súas sospeitas confirmáronse e puido obter a distancia a Marte, e a partir dela a distancia ao resto de planetas. Cassini soubo a medición ao Sol (uns 140.000 millóns de km), mais na actualidade sábese que son en realidade 150.000 millóns de km.
Décadas máis tarde, 1781, William Herschel descubre o planeta Urano e calcula que ese planeta está separada do Sol unhas 20 veces a distancia Terra-Sol: uns 3000 millóns de km. E esa é a altura do ceo a finais do século XVIII.
Friedrich Bessel (1784-1846) foi o primeiro que puido chegar a medir o desprazamento dunha estrela ao observala con 6 meses de diferencia. A 61 Cygni presentaba 5’2 segundos de arco. Fixo distintas referencias relacionando graos con segundos e deu co resultado de que aquela estrela atopábase a 100 billóns de quilómetros. Tendo en conta a velocidade da luz, pronto relacionarase co tempo e acabarán dándose a coñecer os anos luz. A estrela 61 Cygni estaba a 11 anos luz.
No século XX houbo unha crise no estudo do universo, pero a principios do século unha muller chegou a conclusión de que se algunha luz dentro do espazo estaba lonxe, había pouca luz, e se estaba cerca, había moita luz. Henrietta Leavitt (1868-1921) foi quen descubriu que había unhas cantas estrelas que parecían que respiraban (ceifeidas), é dicir, que cando se facían máis pequenas a súa luz era máis intensa, e canto crecían de tamaño a súa luz non brillaba tanto. Para saber a distancia que había ata elas caeu na conta de que tiña que atopar a dúas estrelas que brillasen coa mesma intensidade. Finalmente no 1908 conseguiu atopar esas estrelas e comezou a poñer en práctica a súa teoría. Grazas a ela comezaron a utilizar o brillo das estrelas para obter distancias. Debido a discriminación da época o mérito do seu descubrimento levouno o seu xefe, pero este tivo a decencia de nomeala no desenvolvemento da mesma. Grazas a isto sóubose que a Vía Láctea ten un tamaño de 100.000 anos luz. E con esa cifra foi coa que se pensou no 1920 que xa estaba respondida á pregunta de A que altura está o ceo?
Tan só uns anos despois Edwin Hubble (1889-1953) descubriu cun telescopio moi potente (e a través do método de Henrietta), unha nebulosa que estaba a 1 millón de anos luz. E así acabouse atopando a galaxia Andrómeda, a nosa veciña, descubrindo que había outras galaxias a parte da nosa. No 1923 a distancia máxima atopada era de 1 millón de anos luz.
No século XX, xa se coñecía o dato de que se unha luz do Universo se achega a nós é de cor azul, se se afasta é vermella. Ao saber que as galaxias eran vermellas, chegaron á conclusión de que entón estas íanse afastando de nós. Como Edwin Hubble foi un investigador moi importante para coñecer o Universo, a NASA púxolle o seu nome a un telescopio orbital enviado ao espazo no 1990.
Albert Einstein (creador da Tería Xeral da Relatividade) engadiu e superou a lei da gravidade de Newton. Ao traballar con dimensións no espazo e no tempo, souberon que o Universo non está quieto.
Georges Lemaître (1894-1966) un sacerdote que, antes de que Hubble anunciara a teoría de que as galaxias se afastaban unhas das outras, el xa a deduciu. E indicou que as galaxias non se afastaban da Terra, senón que todas se afastaban de todas. Polo tanto isto quería dicir que o Universo expándese. El deuse conta de que por esa teoría, o Universo debeu de partir dun único punto. De aí saíu a teoría do “Big Bang”. Tamén se deron conta de que entón podían calcular a idade do Universo. Coas teorías de moitos físicos, puideron indicar que as galaxias empezaron a fuxir unhas doutras dende fai 2.000 millóns de anos. Hoxe en día estímase que o valor é de 13.800 millóns de anos. Pero iso sen ter en conta de que a expansión non puido ser sempre do mesmo xeito. O punto que emitiu unha luz hai 13.800 millóns de anos estaría a máis de 46.500 millóns de anos luz. Esa sería a altura máxima á que se atopa o ceo.
No 1998 un grupo de tres investigadores descubriu que o Universo non só se expande, senón que cada vez o fai máis rápido. Eles levaron o Nobel de Física no 2011. Isto supón que ten que haber algo que empurra ao Universo a moverse. Aínda non se coñece o que é, pero denomínase “materia escura”. A composición do Universo é dun 70% por enerxía escura, un 26% por materia escura e o 4% restante corresponde a toda a materia que xa coñecemos. Os descubrimentos que antes facíanse de século en século, agora son de década en década.
Na actualidade Alfa Centauri é a estrela máis próxima ao Sol, a 4’4 anos luz (4.100km vén sendo a distancia entre as costas de Galicia ata Canadá). O Universo coñecido tería un diámetro de 120.000.000.000 km. Con isto temos que ter en conta que a Terra, aínda que para nós é inmensa, para a medida do Universo, é insignificante.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: