Skip to content
05/02/2014 / lernolosada

El lector, de Bernhard Schlink

Esta novela foi a lectura elixida para o 1º trimestre no grupo de alumnos maiores, pasando no Nadal ao grupo de adultos.El lector

El lector (Der Vorleser, en alemán, ‘o que le en voz alta’) foi publicada en Alemaña no 1995, acadando un gran éxito que a levou a seren traducida a 39 idiomas e no ano 2008 rodouse a súa versión cinematográfica, obtendo Kate Winslet o Oscar pola súa interpretación.

A historia, narrada polo personaxe masculino, Michael Berg, expón un dilema moral e ético sobre a culpabilidade e o castigo dos alemáns colaboradores do nazismo e do Holocausto, a partir da relación entre un adolescente e unha muller 21 anos maior.

A trama está dividida en tres partes. A primeira, situada no ano 1958, conta a relación entre o rapaz e Hanna. A cambio de manter relacións sexuais, Michael debe lerlle en voz alta distintos libros clásicos. Non hai a penas vínculos emocionais entre ambos, e a personalidade e o pasado de Hanna permanecen ocultos, ata que un día desaparece.

Na segunda parte, sete anos despois, o adolescente é xa un mozo estudante de Dereito. O recordo de Hanna segue moi presente, impóndose sobre calquera outra relación. Unha das prácticas que debe realizar na carreira consiste en asistir a un xuízo contra un grupo de mulleres que colaboraran no Holocausto como gardas das SS. Unha delas é Hanna…

Incapaz de esquecela, na terceira parte Michael envíalle lecturas gravadas a Hanna, condenada a cadea perpetua, torturado pola disxuntiva entre a condena e a comprensión respecto do pasado da súa antiga amante. Despois de 18 anos é posta en liberdade…

E non podemos contar moito máis, para non estragar o misterio, un dos atractivos da novela. Un libro fácil de ler, directo, que, como todas as boas creacións culturais, deixa aos seus lectores e lectoras moitas preguntas e temas para o debate.

Advertisements

3 Comentarios

Deixar un comentario
  1. Silvia / Feb 5 2014 11:09 pm

    Para min é a primeira vez que teño unha opinión divida sobre un libro. Por unha parte gustoume moito a historia do romance entre Michael e Hanna, como nos describe a evolución de Michael ao longo dos anos. Como resultou importante para Michael, ler todos eses libros a Hanna, para mellorar como estudante. Como tamén me sorprendeu moito que ela non soubese nin ler nin escribir.

    E por outro lado, o que non me gustou foi todo o relacionado co holocausto. Quizais porque a pesar dos anos que pasaron aínda é un tema moi sensible. Dende o meu punto de vista o autor abordou o tema do holocausto de forma moi superficial, case como unha anécdota.
    Non sei se recomendaría ou non este libro. Non o sei…

    • Lupe / Feb 6 2014 12:18 pm

      É un libro que toca moitos temas para poder debatir (analfebetismo, holocaustro, relación familiar…)
      Nembargantes non fun capaz de que ningún deses temas me “enchera” por dicilo dalgunha maneira. Non foi un libro que me sorprendera nin que me fixera reflexionar a fondo sobre algo. Por un lado o autor non foi capaz de facerme crer que a vergoña de non saber ler nin escribir de Hanna fose tan forte como para chegar ós extremos ós que chegou; a vergoña anula á propia persoa. Por outro lado podo dicir que a única cousa que sí me fixo estremecer y poñerme a pensar, foi a visita de Michael ó campo de concentración; cando ó saír dase conta de que non sinte nada, de que non é capaz de conmoverse polo que veu e imaxinou que alí pasou. Pois ben, eu sentín o mesmo vacío e iso fíxome pensar que, ou non teño sentimentos, ou o meu descoñecemento sobre o tema do holocaustro e demasiado grande. Siceramente, quero pensar que é isto último o que me ocorre.
      Lupe.

  2. Heladio / Feb 7 2014 1:35 pm

    Os comentarios anteriores fixéronme pensar en que é este un libro que ofrece múltiples suxestións ao lector, as miñas son diferentes. Aínda que persoalmente o que máis me interesou foi a relación persoal entre os protagonistas non creo que trate o tema do Holocausto de forma superficial ou fría. Iso si, creo que conscientemente o autor afástase do sentimentalismo e céntrase no sentimento de culpa de Michael (un trasunto do que podería sentir o pobo alemán despois da guerra). Non é necesario ver moreas de cadáveres famélicos para seren consciente do horror. Pero unha cousa é ser consciente e outra sentir un noxo espontáneo cara algo que non vivimos en primeira persoa. Hoxe todos lamentamos que haxa xente que morre de fame, pero non por iso deixamos de rir e durmir tranquilamente.
    É Hanna culpable ou só obedecía ordes? o analfabetismo pode servir de escusa para perdoala? é correcta a actuación de Michael ao non informar ao xuíz do analfabetismo de Hanna?
    O escritor, conscientemente, non dá respostas. Non condena a ninguén, aínda que todos están marcados polo trauma vivido. E a gran pregunta, a que lle fai Hanna ao xuíz: que faría vostede (eu) no meu lugar?
    As persoas somos quen de cometer as maiores monstruosidades, pero seguimos sendo humanos, con capacidade para seguir vivindo, e mesmo gozando. Crime e castigo. O máis difícil e convivir coas nosas propias ‘culpas’ e coas das persoas que amamos, como lle ocorre a Michael.
    Todos levamos dentro un monstro que debemos coñecer e controlar. Todos somos quen de amar, pero tamén de matar (de facer dano) e mesmo de perdoar. Pero tamén todos e todas podemos elixir, e na opción que escollamos reside o noso valor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: