Skip to content
28/01/2014 / lernolosada

O xiro postal, de Ousmane Sembene

Eladio Anxo2260362298_343fe4c4f6

NA NOSA BIBLIOTECA

No grupo dos retelladores/as máis novos limos esta novela.

Ousmane Sembene (1923-2007) é un dos grandes persoeiros da cultura africana. Naceu en Senegal, loitou na II Guerra Mundial contra o nazismo, traballou despois en Francia en diversos oficios manuais. Militou no comunismo e, nos anos 50, comezou a publicar novelas e, coa finalidade de chegar a máis xente, rodou varias curtametraxes. En 1966 estreou a primeira longametraxe africana, A negra de… No ano 1968 realizou a primeira película rodada nunha lingua africana, o wolof: Mandabi, baseada en O Xiro Postal.

Toda a súa obra literaria (escrita en francés) e cinematográfica amosa o compromiso do autor coa denuncia das desigualdades, transmitindo unha mensaxe de loita e esperanza na mellora das condicións de vida dos africanos.

O Xiro postal conta as dificultades burocráticas dun cidadán de Dakar, condenado desde hai máis dun ano ao paro, para poder cobrar un xiro que lle mandou un sobriño, emigrante en París. Ao tempo que describe as situacións esperpénticas vividas polo protagonista, amósanos unha sociedade corrupta e empobrecida, o Senegal recentemente independizado de Francia. Ambientada nos anos sesenta, ben podemos trasladar a falta de principios éticos e o servilismo de moitos dos personaxes a unha realidade máis próxima no tempo e no espazo.

Non hai heroes, nin tan sequera personaxes atraentes, só monicreques condenados a cumprir o papel que lles tocou nun mundo esencialmente inxusto. Uns, a maioría, loitan por sobrevivir día a día, rebaixándose ata a degradación para conseguir unha esmola coa que poder mercar algo de comida; outros adáptanse a nova realidade, sen escrúpulos para medrar, e outros fan de chupatintas repelentes que agochan a súa insignificancia maltratando aos seus concidadáns. E as mulleres, marxinadas, pero sempre atentas a salvar aos seus homes, pondo un pouco de sentido aos arroutos masculinos que dominan o absurdo cotiá.

O autor non necesita que sintamos simpatía por ningún personaxe, abonda a descrición dunha realidade inhumana, humillante, para que tamén sintamos carraxe ante a perda da dignidade e a miseria pola que ningún ser humano debería pasar. E así, consegue o seu propósito, que máis que compaixón sintamos rabia ante a inxustiza.

Un libro breve, moi fácil de ler e moi ben traducido, un mosaico das miserias e debilidades humanas, apegado á rúa, ao pobo senegalés, pero cun contido universal, porque a hipocrisía (a verdadeira protagonista da novela) é común a tódalas sociedades e persoas. Os convencionalismos sociais, e a relixión como o maior deles, seguen rexendo a nosa forma de relacionarnos, agochando a nosa incapacidade para rebelarnos, para facer que as cousas cambien.

-(…) Pensas que todo está podre…? Non… Nin sequera os que teñen traballo están contentos. Isto vai cambiar.

-Quen o vai cambiar? Pasei un ano sen traballar porque fixera folga. Teño dúas mulleres e nove cativos. O único que dá cartos son as trampas.

-Mañá faremos que todo iso cambie.

-Quen, nós?

-Ti.

-Eu…?

-Si, ti. Ibrahim Dieng.

-Eu…?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: