Skip to content
18/01/2014 / lernolosada

O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilinna

NA NOSA BIBLIOTECA

O libro proposto no Club de Lectura de alumnos/as maiores, para o mes de xaneiro, é O bosque dos raposos aforcados, do escritor finlandés Arto Paasilinna (Rinoceronte Editora, 2005).O_bosque_dos_raposos_aforcados

O autor
 Arto Paasilinna, nacido en Kittila en 1942, ex gardabosque, ex xornalista e ex poeta, é un autor de extraordinario éxito en Finlandia e fóra do seu país a xulgar polas numerosas traducións da súa obra. Nos seus libros destaca o seu humor orixinal e a súa capacidade de contar da maneira máis cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes.

O bosque dos raposos aforcados é a primeira novela verquida directamente do finés ao galego por Tomás González Ahola e relata a historia de Oiva Juntunen, un ladrón fuxido na recóndita paraxe da Laponia ante o medo pola saída do cárcere dos seus cómplices, aos que traizoou coa intención de quedar con todo o ouro que roubaran ao goberno noruegués.
 A través do relato dunha historia delirante ateigada de personaxes disparatados, Paasilinna fálanos das debilidades humanas, da amizade, da corrupción, da vellez… e da extraordinaria paisaxe de Laponia.

Isto son algúns dos comentarios que se teñen escrito sobre este libro:

Cartafol de libros, Begoña Regueiro

Era unha vez o mundo ao revés; a versión de Brancaneves na que o bosque amosa raposos e turistas aforcados, na que, na cabana, viven ladróns, militares alcólicos e vellas fuxidas, e na que as visitas son máis policías corruptos, putas e asasinos. Iso si, case todos eles bos.

A verdade é que ao pechar o libro de Arto Paasilinna hai tantas ideas a bulir na cabeza que é difícil dicir só unha. O autor ofrécenos a historia de tres fuxidos. Tres persoas que escapan da súa vida, ou das consecuencias desta, e acaban chegando ao Outeiro de Kuopsu.

(…)

Aos poucos, o Outeiro de Kuopsu irá converténdose nunha especie de locus amoenus (lugar idílico), afastado da sociedade, onde os ladróns reparten o seu ouro e os duros militares dan de comer na boca ás vellas desvalidas e choran de amor pola partida dunha puta; non falta sequera o animal salvaxe que se achega mecoso ás persoas, o raposo Cincocentos. Pero non erremos, é só o locus amoenus que cabe agardar no conto de Brancaneves no que a doce princesiña se converteu nun delincuente profesional, un locus amoenus no que a natureza é modificada para ofrecer todo tipo de luxos, onde o animal salvaxe saúda aos humanos cun gruñido, onde segue a existir a desconfianza, onde o sexo non vén da man do amor senón do diñeiro; un locus amoenus onde o cárcere segue a ser un lugar fundamental.

Blog de Ana Bande (comentario de Quelleiro)

Pois opino que os raposos somos nós. Velaí a mensaxe deste Paasilinna, que dende a súa inxel ironía arrostra unha fonda amargura. Non somos uns raposos calesquera, somos uns raposos aforcados, como agocha a vergoñante traducción castelán. Oiva, Remes, as putas, a vella, son as únicas persoas da historia, as únicas con ánimo para se enfrentar, para responder á vida que lles tocou en sorte. A resposta é a fuxida; son personaxes, neste senso, antikafkianos. Se o máis desacougante de Samsa ou de Joseph K é ver como non cuestionan ó que lles pasa e asumen ó seu papel nun mundo atolecido, en Paasilinna reaccionan e marchan: fuxen de compinches, do exército, do asilo.

Mestura de libertarios e covardes, Paasilinna respéctaos e preséntaos coma persoas ceibes, que viven, beben, fuman herba, cunha asumible felicidade e despreocupación. Coma persoas que toman partido na súa vida, e son capaces de poñer en retirada á unha brigada do exército, percorrer decenas de kilómetros pola neve, ou levar unha bañeira esmaltada ó medio do bosque.

Pola contra, están os aparvados, os pailarocos, os parvos medoñentos, os membros desta sociedade mol que se deixa roubar lingotes de ouro dun xeito cutre dabondo, que deixa escapar a unha vella de noventa anos e que cae unha e outra vez nas trampas para raposos. Velaí á mensaxe da novela. O aviso dicía: “se és persoa” ten coidado para non caer na trampa. ¿Se es persoa? Pero a xente caía, porque non son persoas.

Cincocentos é a metáfora, o raposo que se comporta coma un ser humano, mesmo roubando cartos, para rematar facéndolle -el mesmo- o funeral ó gato da vella, mentres que as persoas naquel mesmo intre soterran á dona. Secomasí, e así remata o libro, no bosque dos raposos aforcados non hai ningún raposo aforcado; só hai xente, personaxes de Kafka que non se deron por concernidos ó leren a peculiar advertencia, raposos en definitiva. Proporei, agora que ninguén escoita, esta adiviña: ¿se non foras persoa, qué che gustaría ser? Se lle fixeramos á pregunta ó noso Oiva Juntunen, penso que respondería: “Vaia parvada, se non fóra persoa, desexaría ser… “¡persoa!”. ¿Cánta xente diría o mesmo?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: