Xornada de convivencia cos clubs de lectura de Cuntis e Portas
O 12 de novembro compartimos unha xornada de actividades e visitas cos clubs de lectura do CPI Don Aurelio de Cuntis (As Campaíñas), e do CPI de Portas. Foi unha saída moi intensa, na que mesmo non tivemos tempo de facer algunhas das actuacións previstas. Do Losada acudimos só os máis novos, para adaptarnos ás idades do alumnado dos CPIs. Os pequenos e pequenas de Primaria eran maioría, a alegría do encontro.
A primeira parada fixémola no Pazo de Oca, onde a Asociación Tesouros Novos da Estrada nos guiaron polo fermoso xardín e dramatizaron distintas escenas de época.
De Oca dirixímonos á outro lugar de gran beleza, a área recreativa de Agronovo, á beira do Ulla. Alí comemos, xogamos e falamos de lecturas e de moitas outras cousas. Para dixerir ben a comida camiñamos uns cantos quilómetros por un carreiro engaiolante, seguindo as augas do Ulla, ata Ponte Sarandón.
Subimos de novo aos autobuses para dirixirnos ao mosteiro de Carboeiro, onde nos agardaba o excepcional conta contos Celso Fernández, que nos deleitou coas súas imaxinativas e sedutoras historias. E, claro, non deixamos de baixar a cripta, no solpor.
En definitiva, unha viaxe chea de historia, arte, teatro, natureza, lecturas e boa compañía que agardamos repetir.
Deixar unha resposta