Skip to content
18/10/2013 / lernolosada

Un documental moi especial para lembrar a Luísa Villalta

Voces que a coñeceron, imaxes do seu arquivo, fragmentos da súa obra e unha viaxe a través da súa biografía son os elementos cos que se constrúe o documental “Luísa Villalta. Paixón e compromiso”.  O que o fai singular é que está elaborado polo alumnado do centro no que a escritora e música deu clase antes de morrer.

C.V. sermosgaliza2013092008225716821

O 6 de marzo de 2004 Luísa Villalta morría por sorpresa, coa conmoción non só do seu entorno próximo senón do mundo literario e tamén do centro no que impartía clases. O IES Isaac Díaz Pardo de Sada, no que era profesora, apresurouse a dedicarlle un número da súa revista e poñerlle o seu nome á biblioteca. Nove anos despois da súa morte, un documental do alumnado lembra á que foi profesora do centro e, alén da súa traxectoria biográfica e literaria, repara na intensa pegada que deixou no lugar no que impartía aulas de lingua e literatura galegas.

Voces como as de Fernán Vello, Francisco Pillado Mayor, Pilar Pallarés, César Morán ou Maribel Longueira -todas próximas ao transcorrer vital de Luísa- rememoran a relación coa escritora e a súa traxectoria literaria. O documental fita en tres aspectos vitais de Villalta, o seu perfil cultural, en especial a súa faceta de escritora e música -moito máis descoñecida e da que se dan importantes datos-, o seu compromiso coa lingua e o país e a súa particular personalidade que deixou lembranza en quen a coñeceu.

“Paixón vital e pensamento lóxico”

“Unha figura desta calidade, comprometida no plano político,social, que soubo ler o seu tempo e estar á altura do compromiso que esixe formar parte dunha sociedade, dun país, dun tempo histórico” di o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello para definir á autora de Música reservada, Ruído ou En concreto.  A tamén poeta Pilar Pallarés, destaca que “como escritora Luísa é unha figura excepcional porque é moi pouco parecida a outros, cun mundo propio e unha grande conexión e coherencia na súa obra, independente do seu xénero”. Pallarés lembra esa harmonía que Luísa sostiña entre a súa paixón vital e o pensamento lóxico que se evidenciaba nunha “enorme preocupación e era moi lúcida á hora de analizar o país”. 
 
O editor Francisco Pillado Mayor e a fotógrafa Maribel Longueira -que asinou coa poeta o libro “Papagaio”- lembran episodios compartidos coa escritora nun documental de case media hora de duración no que tamén se recollen testemuñas do seu paso polo centro.

O audiovisual, realizado pola produtora “Gallaecia Films” do IES Isaac Díaz Pardo, recorre a vida da escritora desde o seu nacemento até a morte prematura en 2004, días despois do que sería a súa última intervención pública, unha homenaxe a Palestina o 26 de febreiro. Remata con imaxes do seu enterro un poema de César Morán dedicado á escritora da que o 6 de marzo do próximo ano se fará unha década da súa morte, o que a fai candidata a ser homenaxeada no Día das Letras Galegas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: