Skip to content
13/02/2013 / lernolosada

Costa do solpor, de Xosé Mª Lema

Xosé Mª Lema, durante tantos anos profesor do IES Antón Losada, vén de publicar a súa primeira novela, Costa do Solpor, na editorial Xerais. A monumental obra foi finalista do PremioXG001995012 Xerais 2011. O autor, catedrático de Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte, ten unha longa e fecunda bagaxe de publicacións de temática diversa: histórica, etnográfica, lexicográfica, artística… sendo o seu traballo recoñecido con premios como o Reimóndez Portela 2010.

Costa do Solpor é unha novela de aventuras de mar e terra, con escenas de amor e terror, nunha vila maldita da Costa da Morte, na Galicia do s. XVIII.

Aquí tedes a crítica da novela (que xa temos na Biblioteca, adicada polo autor) de Ramón Nicolás no suplemento ‘Culturas’ de La Voz de Galicia.

Aventura en estado puro (e algo máis)

Non podo obviar que non quedase un tanto sorprendido con esta densa novela por varias razóns, e unha delas ten que ver con quen a subscribe pois sabía do labor que viña exercendo desde hai anos o profesor Xosé María Lema, nomeadamente nos ámbitos da lexicografía, da historia da arte, da onomástica ou mesmo da etnografía, nos que salienta por dereito propio como un recoñecido especialista, mais ignoraba as súas habilidades como narrador, e como narrador de longo alento, tal e como testemuña este Costa do Solpor que, ademais, foi finalista do premio Xerais de novela na convocatoria do 2011 competindo, entre outros orixinais, con Os fillos do mar, de Pedro Feijoo ou con Extramunde, de Xavier Queipo, peza esta última que resultaría gañadora.

Con todo, que Xosé María Lema fose autor inédito nestas lides, cando menos publicamente, pouco relevante resultaría a non ser que a súa formación e dedicación explica, e de maneira moi convincente, o coidado minucioso depositado na ambientación e contextualización da novela que comeza a se distribuír estes días. Mais se todo fose perfección nesta dimensión –tamén palpable nunha escolla léxica vivísima- axiña esmorecería o seu interese se non se idea ao tempo un argumento con forza propia, se non se constrúen con convicción e singularidade uns personaxes e, por suposto, se non se concibe unha estrutura acaída para o efecto…, e todo isto o atesoura Costa do Solpor pois é quen de internar rápida e efectivamente a quen se achegue á súa lectura ao que particularmente vexo como un compendio do mellor das novelas clásicas de aventuras – penso sobre todo nos modelos da literatura inglesa e particularmente no proposto por Stevenson- ao que enga unha intelixente e rendible “galeguización” en canto espazos e personaxes, suturándoo cos motivos presentes na vida cotiá de mediados do século XVIII nos ámbitos costeiros e mariñeiros de noso.

No fondo da proposta salienta, ao meu ver, a recreación literaria dunha liña recorrente que enchoupa a totalidade do texto e que cifro na loita pola supervivencia nun tempo no que se recrea, con fidelidade, o mundo da pirataría,  pero non só. Para este obxectivo recórrese, inicialmente, ao recurso do manuscrito escrito en inglés que se integra na novela coma se fose unha tradución, xestándose así con naturalidade tanto a precisa sensación de distanciamento respecto do relatado como a necesaria procura de verosimilitude, algo que apoia a multitude de notas explicativas a rodapé.

Tarefa imposible é a de nin sequera sintetizar un argumento que, en esencia, se nuclea arredor da viaxe de retorno dunha goleta inglesa cargada cun tesouro e que recala nunha ría da chamada Costa do Solpor. Ese fío será o que permita que coñezamos personaxes de pegada indeleble como Squire Trelawney, o Tiopa, o Dr. Livesey ou outra voz narradora, representada en Jim Hawkins, responsables os últimos de que saibamos da existencia da Confraría da Man Morta, de René de Saint-Syr ou de Jim e Mariña, que contribuirán á resolución trepidante dun conflito que, na parte final, adopta ao meu ver certo sesgo de novela xuvenil que completa ou reorienta o espírito inicial da mesma.

Hai pasaxes salientables  nesta proposta,  cheas de plasticidade e de forza impresionante, como –escollo dúas- un relato posto en boca de John Silver ou a descrición de naufraxios, tempestades ou persecucións onde abrolla con transparencia o xenio creativo dun autor que, se non entendín mal, manifestou que probablemente non volvería transitar estes eidos da prosa. Fago votos para que reformule esta intención pois este Costa do Solpor atesoura méritos dabondo e constata a chegada dun narrador de gran forza.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: