Saltar ao contido
22/11/2012 / lernolosada

En Cuntis cos clubes de Portas e Cuntis

Noelia Betetos (4º ESO)

O pasado 13 de novembro (martes e trece), pola tarde, os retelladores e retelladoras fomos a Cuntis, a compartir experiencias cos clubs de lectura dos CPIs de Cuntis (As Campaíñas) e Portas.

Ao acabar de xantar no Centro viñéronnos buscar os alumnos e mestres do colexio de Portas e viaxamos ata Cuntis. A viaxe non foi moi longa.

Entramos no CPI Don Aurelio, onde as nenas e nenos de Primaria do Club das Campaíñas déronnos unha benvida moi divertida. Ao rematar este breve acto os mestres leváronnos camiñando ata o castro Castrolandin, uff foi moito camiño!! Ao chegarmos arriba a xente estaba cansa, pero recibiunos unha monitora moi amable que nos guiou polo castro adiante e nos foi explicando como era a vida dos castrexos hai máis de 2.000 anos. Facía unha tarde fermosa, soleada, e as vistas do val do Galo e do Xesteiras eran magníficas.

Regresamos a Vila do Baño (polas augas termais) e fomos á Casa da Cultura Blanco Torres. O escritor e ilustrador Héitor Picallo deunos unha charla moi amena sobre os seus diversos traballos, ensinándonos varias técnicas para poder pintar con distintos materiais, aproveitando e reciclando o que temos no noso entorno. Os seus debuxos que eran realmente preciosos e moi ben feitos.

Ao rematar a charla, os Retelladores do Galiñeiro agasallamos aos presentes con tres actuacións:

Catro alumnos de Cultura Clásica de 4º da ESO (Álvaro, Sara, Andrea e e eu mesma) contámoslle de forma breve e amena a historia da Guerra de Troia, de París a Ulises.

Sheila e Mónica, tamén de 4º da ESO, fixeron uns experimentos científicos incribles. Meteron un ovo cocido nun matraz de boca estreita sen rompelo e inflaron un globo sen soprar. Quedamos todos coa boca aberta, sobre todo os máis cativos.

Por último, Tania, Uxía, Marta, Nerea e Natalia, de Bacharelato, leron cadanseu poema de Celso Emilio Ferreiro, conmemorando o centenario do seu nacemento. Uns poemas moi bonitos, e moi ben lidos.

Despois foi a quenda do alumnado de Portas. Primeiro leron, en galego e inglés, un conto de medo. Nótase que manexan ben as linguas. E para rematar, obrigáronos a todos a taparnos os ollos. Mentres dúas alumnas lían unha historia dun cadáver descortizado, ían poñéndonos nas mans as distintas partes do corpo esgazado, ata chegar aos ‘vermes’. Foi arrepiante.

A xornada rematou de novo no Colexio Don Aurelio, onde nos tiñan preparada unha merenda espectacular. Foi unha viaxe moi divertida que agardamos repetir máis veces.

PREME NA IMAXE SE QUERES VER AS FOTOS

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: