Skip to content
21/10/2012 / lernolosada

Lecturas de verán (e II)

Eladio Anxo

Chega o inverno a aínda sen subir a segunda parte dos breves comentarios sobre as miñas lecturas de verán.

FAHRENHEIT 451, DE RAY BRADBURY E TIM HAMILTON, CÓMIC E FAHRENHEIT 451, DE RAY BRADBURY (NA NOSA BIBLIOTECA)

Por fin lin unha das novelas míticas do século XX, Fahrenheit 541. Sen embargo, comecei coa lectura da versión en cómic do 2010, con guión do propio Ray Bradbury e debuxos de Tim Hamilton. O cómic gustoume pero sóubome a pouco. A novela (en galego), publicada en 1957, pareceume xenial, respondendo totalmente as expectativas. Esta distopía (o contrario dunha utopía, dun mundo ideal) cualificada de fantástica ou de ciencia ficción, amósanos un mundo non moi afastado da sociedade actual. Os bombeiros aínda non se adican a queimar libros, pero a incomunicación, os medios de comunicación adormecedores das conciencias, e o un poder represivo que limita a liberdade individual, son hoxe unha ameaza para a democracia. A esperanza, como na novela, reside nos libros. Que libro salvarías ti da queima?

AURORA BOREAL, DE ASA LARSSON (NA NOSA BIBLIOTECA)

Unha das novelas negras que marcou o auxe do xénero en Suecia. Entretida, fácil de ler e con certa intriga, pero para min non acada o nivel da saga Millenium, nin, por suposto o das obras de Henni Mankell. O mellor, a imaxe (mala) das igrexas protestantes. Recomendable como lectura lixeira para os amantes do xénero.

LA PRÓRROGA, DE JEANE-PIERRE GIBRAT

Nesta banda deseñada, o autor amosa a súa mestría como debuxante. A historia dun desertor, agochado na súa aldea francesa durante a II Guerra Mundial, é quizais demasiado amable para o contexto no que se desenvolve. O mellor, o debuxo e a relación entre os personaxes.

LIBERTAD, DE JONATHAN FRANZEN (NA NOSA BIBLIOTECA)

Un gran novela, e non só polo seu tamaño. Un libro de referencia que nos fai evocar moitas sensacións e reflexións mentres o lemos. Unha historia aparentemente sen interese, a vida dunha familia do medio oeste de Estados Unidos, convértese nunha gran aventura grazas a capacidade do autor para profundar na personalidade dos seus protagonistas, e para construír escenas conmovedoras. Cunha prosa complexa transmítenos os sentimentos máis profundos á vez que constitúe un espello das miserias e prexuízos da sociedade estadounidense. Cando rematas a súa lectura tes a sensación de ter viaxado por un mecano perfecto, demasiado perfecto? Haberá que volver a lela.

HIELO NEGRO, DE BERNARDO FERNÁNDEZ BEF (NA NOSA BIBLIOTECA)

O libro do mexicano Bef trátase dunha novela negra sobre o narcotráfico, a violencia e a corrupción xudicial en México. Unha trama sinxela, que deixa á marxe algunhas incongruencias para que avance a acción, o único importante. Cunha prosa simple, de frases curtas, con varios puntos de vista, lévanos sen esforzo, e sen aburrirnos, por unha ficción moi próxima á realidade mexicana. Un libro ‘comercial’, sen pretensións.

O HOME QUE ERA XOVES, DE G.K. CHESTERTON

Un clásico que temos a sorte de ter traducido ao galego pola editorial 2.0 EDITORA. Publicada por vez primeira en 1908 hoxe séguenos fascinando. O poeta Syme, un fanático da orde moral, acabará infiltrado no movemento anarquista, onde descubrirá un mundo cheo de falsas aparencias. Non se pode dicir moito máis, para non desvelar unha trama de final sorprendente. Unha pequena xoia, chea de ironía e humor.

JUEGOS PARA MORIR, DE JACQUES TARDI (NA NOSA BIBLIOTECA)

Do gran Tardi só se poden esperar cómics marabillosos. Este, para min, é un dos mellores, aínda que todos os que teño lido gústanme moitísimo. Este cómic publicouse hai xa vinte anos en Francia. É a adaptación da novela policial de Geo-Charles Veran publicada en 1950. Conta unha historia, moi negra, duns rapaces dun suburbio pobre que non teñen outra opción que delinquir para intentar fuxir do seu destino. Pero… todo se complica. Magnífico, cheo de suspense, realista ata a asfixia, un mosaico dos barrios baixos nos que non hai lugar para os soños.

EL INFORME BRODECK, DE PHILIPPE CLAUDEL

Unha sorpresa moi agradábel. Lino sen ter referencias e fascinoume orixinalidade da súa formulación e do seu argumento. É o relato de como os habitantes dunha pequena aldea, que podemos situar nun país ocupado polos nazis na II Guerra Mundial, sucumben ao medo e cometen as maiores atrocidades. A deshumanización, a covardía, e a capacidade das persoas para seguir vivindo sen vergonza, son o centro do informe de Brodeck, encargado de contar os acontecementos que desembocaron no asasinato de Der Anderer (o Outro, en alemán). O protagonista escribe todas as noites no seu cobertizo, sobre o crime pero tamén sobre a súa propia vida. Unha fenomenal novela, chea de forza, que a pesar da crueldade do narrado mantén unha fenda aberta á esperanza.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: