Skip to content
25/09/2012 / lernolosada

Os ilustradores da perruquería de señoras

Alberto Ramos | @alberto_ramos Praza Pública

A finais de novembro aparecerá nas librarías a segunda parte de El Héroe. David Rubín anda a traballar no coloreado dunha obra que está estreitamente relacionado cun recanto da Coruña que se converteu dende hai máis de dous anos nun laboratorio de ideas para a banda deseñada galega: La Pelu. Nese local, Rubín debuxou a lapis por completo as dúas partes da súa particular visión de Heracles.

Non obstante, o treito final do seu díptico de banda deseñada fuxiu do singular estudo coruñés. Simplemente, un cambio de aires. “Para min, traballar alí con eses monstros significaba algo flipante. Era unha sinerxia continua. É un espazo enriquecedor e non descarto regresar no futuro. Pero, polo momento, quería rematar o libro dende a casa”, sinala David Rubín sobre un espazo que fundara, xunto cos debuxantes José Domingo e Bernal Prieto. Eses son os “monstros” da banda deseñada aos que se refire e cos que abriu un espazo de encontro para un grupo de ilustradores que, dende Galicia, viven do cómic e do deseño.

O nacemento de La Pelu tivo lugar xa hai máis de dous anos e medio, cando José Domingo e Rubín marcharon de Dygra Films naufragante. “Traballábamos xuntos na produtora e para montar co estudio falamos con Bernal e con Alberto Guitián. Fomos buscando un espazo para traballar xuntos e acabamos por atopar esta antiga perruquería de señoras”, explica José Domingo. Seguramente, ningún dos ilustradores que pasaron por eses espazo pensaron nunca que ían traballar nunha perruquería nin que moitos elementos dese antigo establecemento, que levaba xa un ano pechado, quedaran como vestixio kitch do pasado. Así, mentres debuxan, sobre as súas mesas de deseño, varios secadores fican pendurados do teito. Ao igual que o cartel da entrada, que segue tal e como está dende que o local era un salón de beleza.

Gustábanos o local, era amplo luminoso e permitíanos estar todos no mesmo espazo sen necesidade de estar separados en habitacións distintas. Ademais, tamén nos gustaba o decorado. Cando o alugamos, dixémoslles á propietaria que queríamos quedar coas cousas da perruquería e non o entendían moi ben”; lembra entre risos José Domingo, quen recoñece tamén que agora están preparando un rótulo para substituír o nome da vella perruquería para evitar confusións. “Aínda veñen mulleres de cando en vez aquí para arranxar o pelo”, di José Domingo. “Caía unha ao mes, máis ou menos”, engade entre risos David Rubín.

Espazo creativo

O traballo de ilustrador é solitario, pasas moitas horas diante do papel, só. Aquí confluímos e enriquécese o noso traballo e gañamos influencias”, explica José Domingo. “Aquí podes traballar nun espazo compartido, grande e diáfano. E o local ten en si a vantaxe de que estamos todos xuntos, non en celas diferentes”, completa Alberto Guitián. Grazas a ese partillar de ideas e opinións, creouse un ambiente de sinerxias que permitiu aos debuxantes afinar os seus proxectos, tanto individuais como colectivos, e dar a luz a celebrados cómics nos últimos tempos. Ademais do caso de El héroe de Rubín, en La Pelu tamén se concibiu o álbum Aventuras de un oficinista japonés. Orixinalmente ese libro creárase como unha historieta corta para o Fanzine das Xornadas de BD de Ourense, pero posteriormente ampliouse como historia longa e foi publicada por Bang Ediciones en 2011. Esa obra foi considerada, neste 2012, como a mellor obra de autor español no Salón do Cómic de Barcelona.

Outro álbum que saíu baixo os secadores de La Pelu foi El circo Lorza, de Alberto Guitián. Publicado por Dubbuks/Illarion, converteuse no terceiro álbum de Guitián, quen traballa habitualmente con colaboracións coa revista El Jueves ou Retranca. Agora mesmo atópase embarcado noutros proxectos, ademais das súas colaboracións. “Estou aí traballando nun proxecto de animación de Manel Cráneo, o chamado Planeta Mincha”, destaca Guitián, quen demostra que dende La Pelu a actividade e o traballo entra constantemente.

Pola súa banda, Roque Romero uniuse un ano despois da apertura de La Pelu e tamén destaca o ambiente creativo que se desenvolve no local. “Estás a traballar nun ambiente no que podes intercambiar directamente puntos de vista con xente que che pode botar unha man e que te entenden profesionalmente e coa que compartes afinidades e gustos semellantes”, sinala Romero, quen se encarga de desenvolver as partes dixitais e de ilustración de diferentes proxectos educativos, ao tempo que mantén os seus intereses persoas na ilustración e nos fanzines.

Nova incorporación

Hai uns meses, David Rubín deixou La Pelu e houbo unha vacante no local. Deste xeito, Roque Romero, José Domingo e Guitián atoparon un novo compañeiro: Jorge Fernández. “Eu entrei hai un mes, máis ou menos. Souben que buscaban unha persoa máis para entrar aquí. É un pracer compartir espazo con eles, dos que aprendo moitísimo”, explica Jorge, quen saíu da última promoción da Escola Pablo Picasso da Coruña e forma parte dun novo colectivo de ilustradores: Miñoco.

Este grupo -no que se inclúen tamén Yago García, Rooster, e María Álvarez- está a traballar nun fanzine chamado Compota Manatí e do que sacaron xa un número 0 cunha tiraxe de 300 exemplares. Esta nova publicación, que conta con José Domingo como padriño ao escribir a introdución, será presentada o próximo 22 de setembro no novo local Alita Comis da Coruña (Rúa do Orzan 94). Alí botará a andar esta nova cabeceira, que ten unha característica singular á hora de presentar as súas historias. “É unha creación experimental, xa que as historietas non son de máis de catro páxinas e fórmanse con palabras aleatorias. É dicir, escóllense ao chou unhas palabras e a partir delas creas o guión e os debuxos”, sinala Jorge Fernández, a última incorporación deste espazo de creación que, dende a Coruña, non deixa de peitear o cómic galego.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: