Skip to content
23/09/2012 / lernolosada

Lecturas de verán (1)

Heladio Anxo

O verán é, para min, o tempo perfecto para gozar da lectura. Lecturas lixeiras para a praia, lecturas máis densas para o sofá ou a cama. As auténticas vacacións, sen presas, relaxadas, van sempre acompañadas de lecturas sen urxencias, sen unha selección estrita. Podemos permitirnos incursións en obras sen referencias, ou en libros vetados polos nosos prexuízos. Algunhas veces descubrimos cousas marabillosas, e outras somos incapaces de seguir lendo, pero non importa, temos tempo e temos infinitas lecturas onde atoparnos.

Neste, e noutros artigos, compartirei con vós as miñas lecturas deste verán (agardo que vós fagades o mesmo). A maioría goceinas a tope e outras custoume acabalas, pero non podo imaxinar unhas vacacións pracenteiras sen esa ansia de que chegue o momento de abrir as páxinas do libro.

La pequeña Dorry, de Charles Dickens (na nosa Biblioteca)

Non lera ningunha das novelas longas de Dickens, agás nalgunha adaptación ilustrada da miña adolescencia. Co gallo do seu aniversario mercamos algunhas desas monumentais obras para a Biblioteca e decidín ler La pequeña Dorry na fermosa edición da editorial Alba. Asustábanme as 952 páxinas e tardei meses en rematala, pero a historia de Amy Dorrit fascinoume, aínda que é unha obra irregular, con momentos en que decae a tensión narrativa (foi publicada por entregas, como a maioría da obra do autor). Unha magnífica e aguda representación da hipócrita sociedade inglesa do XIX, e unha exemplar galería de personaxes, cada un deles cunha personalidade claramente definida. Comecei o verán rematando as últimas 300 páxinas, e como puiden ler deseguido, foi a parte que máis me gustou.

Nadie es perfecto, de Billy Wilder, con Helmuth Karasek.

Dixo Fernando Trueba que Billy Wilder era Deus. Para min é un dos poucos deuses do Olimpo cinematográfico, cantos bos momentos me ten feito pasar cos seus filmes! Igual de entretida e intelixente cas súas películas é a súa biografía en conversa con Helmuth Karasek, chea de anécdotas (verdadeiras?) e observacións suxestivas e divertidas. Encantoume, por segunda vez.

SAMUEL GOLDWYN: ¿En qué está usted trabajando actualmente?

BILLY WILDER: En mi autobiografía.

SAMUEL GOLDWYN: ¿Y de qué trata?

Sangué Sabur, de Atiq Rahimi

Esta curta novela, publicada por Rinoceronte en galego, gañou o Premio Gongourt en Francia. Foi a primeira obra en francés do escritor afgán. É unha obra moi dura, narrada por unha muller que coida e fala a seu marido moribundo (a súa sangué sabur, a pedra da paciencia á que contarlle todas as preocupacións) nalgún lugar de Afganistán. Unha denuncia do salvaxismo e da opresión da muller, un relato angustioso e moi ben escrito.

Crónicas de Jerusalén, de Guy Delisle (na nosa Biblioteca)

O autor canadense tense especializado en contar, cos seus sinxelos e particulares debuxos, as súas estancias en lugares exóticos (para nós) por traballo, ou acompañando a súa muller, cooperante de Médicos sen Fronteiras. Aínda que todas as novelas gráficas están ben, a que máis me gustou foi Pyongyang, quizais porque é das poucas fontes directas sobre a vida na capital da pechada Corea do Norte. Crónicas de Jerusalén é unha obra perfecta, e amable, para achegarnos ao absurdo e cruel mundo creado pola ocupación israelí de Palestina, a través dos avatares cotiás da familia de Guy. O que conta e como o conta, con certa retranca, recordoume ao libro de Miguel Anxo Murado, Fin de século en Palestina.

Magasin General, de Régis Loisel e Jean-Louis Tripp

Cando comecei a ler o primeiro tomo desta banda deseñada non parei ata conseguir os outros cinco. Reflicte a vida dos habitantes dunha pequena aldea da provincia de Québec no Canadá a principios do século XX. Tendo como protagonista a Marie, viúva e propietaria do tenda de Notre-Dame-des-Lacs, os autores constrúen unha historia fascinante, onde os avatares cotiás do lugar encaixan como pezas dun reloxo. Os colores cálidos e o magnifico debuxo acubillan a este mosaico de personaxes aos que en seguida se lles colle cariño. Unha lectura deliciosa.

Verano, de Coetzee

Terceira parte da particular autobiografía do Nobel sudafricano. Lina porque viña co periódico, e encantoume. Conta a súa propia vida a través das persoas que tiveron relación con el, cando el xa está morto, a través da investigación biográfica dun estudoso da súa obra. Unha amante, un amor da infancia, unha familiar e un par de amigos de universidade serven a Coetzee para describirse a si mesmo en terceira persoa. Que hai de verdade? Non importa, é un libro maxistral. O Coetzee que se nos presenta aquí non é nada simpático, sen embargo non podemos deixar de aprecialo por ser quen de regalarnos unha lectura tan absolutamente intensa e intelixente.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: