Skip to content
15/05/2012 / lernolosada

Carlos Negro: “escribir é como un reto”

Óscar Pena; Sara Bugallo e Laura Filloy (1º Bach)

Que é o que o incitou a escribir?

Cando es adolescente comezas a escribir por unha necesidade de expresar os sentimentos, non? Xa que todos temos sentimentos. Unha maneira de expresar isto pode ser a música, pode ser a pintura…. pero daquela unha maneira sinxela e económica era coller lapis e papel e expresar o que sentías. Despois iso pode ser un xogo… pero logo vas descubrindo que o universo dos libros é infinito e así descobres que  a vida tamén, e que existe xente que se expresou moito antes ca ti, e mellor, e aprendes a expresarte.

É dicir, escribir é coma un reto, escribir algo sobre ti dunha maneira orixinal iso é un proceso que leva anos, pero que permite contar cousas da túa vida ou do mundo que te rodea, e en definitiva ese é o impulso que te leva a escribir.

O afán pola escritura venlle de pequeno?

Non, non comecei a escribir moi cedo. Ao mellor fai vinte anos non tiña intención de ser escritor. O que considero é que dende pequeno me gustaba ler, todo o mundo da literatura me gustaba. E iso non o perdín nunca, e foi iso o que anos mais tarde me levou a escribir, supoño. E ao principio era un xogo, expresando sentimentos, creando un mundo propio…. o cal é un proceso que ten como base a lectura.

Cal foi o xerme de Makinaria?

Eu dou clases en Dodro, cerca de Padrón. De feito, este libro ten unha adicatoria “aos mozos e mozas de Dodro, para que cheguen a vellos”. Entón na clase escoitaba expresións relacionadas co mundo dos coches, da velocidade, da noite e das fins de semana que me chamaban a atención. Vin como o coche era un símbolo de poder, como algo que che dá un status para ligar ou ser o rei do mambo. E vin que este tema era pouco tratado, e menos na poesía galega, e entón foi coma un reto.

Porque en verso libre?

Tes que ver que non é só o que queres contar, senón como o queres contar. Se estás falando de velocidade, de paixón, non podes poñer versos longos, seguidos, senón nunha poesía mais urbana, mais directa e espontánea. Tiña que cadrar o que quería contar co estilo.

Algunha obra literaria que o marcase en especial?

Si , por suposto. En cada etapa da vida tes autores que te fascinan máis que outros. Penso na literatura galega, por exemplo en Manuel Antonio con “De catro a catro”. Álvaro Cunqueiro tamén. E poetas doutras culturas que forman parte da túa vida, por exemplo Charles Bukowski.

Está a escribir algún libro?

Si, cando colles o vicio de escribir non das parado, e agora estou pensando noutro libro de poemas xuvenil, pero enfocado dende o punto de vista dunha moza que está farta do seu mundo. A ver se me sae. E teño outras ideas, doutro libro onde reflexionar sobre a masculinidade, sobre o que significa ser home hoxe en dia…. Pero ben, son cousas que aínda non están definidas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: