Skip to content
19/04/2012 / lernolosada

Planeta Szymborska

Por Armando Requeixo | Ames | 21/03/2012, en Galicia Confidencial

Título: Versos escollidos
Autor: Wislawa Szymborska
Editorial: Positivas
Lugar: Santiago
Ano: 2011 (novembro)
Páxinas: 336

Érase unha vez unha señora encantadora, case octoxenaria, que vivía modesta e discretamente nun humilde piso dun suburbio de Cracovia. A boa muller, que nacera en Bnin, Kórnik, por volta de 1923, deixaba pasar os días pracidamente na compaña do seu gato, pois o que fora o seu grande amor, o poeta Kornel Filipowicz, morrera uns anos antes e tiña no felino toda a súa compaña. No felino e nos seus versos, pois tamén ela era poeta dende había máis de corenta anos e, aínda que non daba excesiva importancia a aquela escrita, sabía do interese que nalgúns espertaba o seu xenuíno xeito de ollar o mundo a través das palabras.

Pero un bo día, cando andaba distraída na contemplación de calquera escena cotiá, algo inesperado (inesperado polo menos para ela) veu acabar de vez coa súa tranquila e sosegada vida retirada. Alguén chamaba ao teléfono. Facíao dende Suecia e o obxecto da súa chamada non era senón comunicarlle, solemne e oficialmente, que a Academia do seu país acababa de lle conceder o Premio Nobel de Literatura.
 A señora encantadora chamábase Wislawa Szymborska e era xa por aquel tempo, 1996, un auténtico mito da literatura polaca contemporánea, que contaba no seu haber co Premio Goehte e mais o Premio Herder e era doutora honoris causa pola Universidade Adam Mickiewicz de Poznan, a cidade preto da cal nacera había tantos anos.

Falar hoxe gabanciosamente da poesía de Szymborska semella case un pleonasmo. Mais, durante moito tempo, ben poucos fóra de Polonia sabían da súa valía. Nunca foi unha grande dama do star system bestsellerizado mundial. Todo o contrario, fuxía das pompas e as reunións sociais para refuxiarse no seu pisiño cracoviano, dedicada case monacalmente a ver pasar os días con serenidade, atenta observadora a todo canto socialmente a rodeaba, pero coa distancia xusta para non intervir sen necesidade.

Os versos de Szymborska gardan a memoria dunha vida e dun país. Neles alenta aquela rapaciña que foi vivir a Cracovia con oito anos e que, estando alí, sufriu a ocupación nazi e sobreviviu á fame e o frío cavando gabias na rúa, aquela muller nova que nos anos corenta padeceu unha cidade ocupada na que os alemáns impedían os polacos acudir á escola pública, tendo que seguir clases clandestinas namentres traballaba nunha compañía ferroviaria para evitar ser destinada a un campo de traballo.

A ducia escasa de poemarios publicados en vida por Szymborska conteñen nalgunha pasaxe a lembranza dorida daqueles feitos, mais por riba deles pula a curiosidade insaciable dunha mente aberta e vital, interesada por igual nos estudos sobre as sociedades simiescas e no desastre bélico de Vietnam, o mesmo na superpoboación mundial que na fascinación das harmonías matemáticas ou a traxedia do 11-S.

A súa é unha poesía na que se mesturan con asombrosa habelencia o emocional e o irónico, o metafísico e o cotián, o nimio e o cósmico. Unha escrita de sintagmática abrupta, inzada de acoutacións parentéticas, de insercións aclaratorias que fragmentan o sentido recompoñéndoo complementaria, antitética ou parodoxalmente.

Mais cómpre non enganarse, aínda que poida parecer o contrario, os poemas sobre os anuncios por palabras, sobre as expedicións ao Himalaia, os prospectos médicos, as oficinas de obxectos perdidos, as cebolas, a redacción de currículos ou os gatos en vivendas baleiras son para Szymborska propicios á máis fonda reflexión existencial, máis aínda, son templos do visionario metafísico, dotados dunha acuidade extrema, que cre nos pequenos detalles como epifanías que ordenan o universo.

A intelixencia e sensibilidade que describen os seus poemas unidas á pátina humorística que envolve moitos deles fan da súa obra un admirable canto ao compresión do humano na súa deriva existencial, por iso é frecuente a condensación expresiva que moitos deles adoptan, achegándose ao aforístico e deixando sentir nos mesmos a ascendencia filosófica cartesiana ou as ensinanzas dun Pascal ou dun Montaigne.

A escrita de quen foi considerada o ‘Mozart da Poesía’ pode lerse agora na nosa lingua grazas ao labor de tradución realizado por Lucía Caeiro, quen fora lectora na Universidade de Varsovia e quen para o seu labor estivo en contacto coa propia autora, tristemente desaparecida hai apenas aínda unhas semanas.

Versos escollidos é o título que deu Caeiro á súa colectánea de poemas de Szymborska, publicados —como tantas outras delicatessen literarias ao longo dos últimos anos— pola santiaguesa Edicións Positivas. O meu polaco (perfectamente inexistente) non me permite xulgar o traballo de translación levado a cabo por Caeiro. Mais podo dicir que o acomodo lingüístico á lingua de noso flúe, que a corrección idiomática é doadamente comprobable e que a tradutora amosou a súa profesionalidade no exercicio dunha tradución directa, evitando calcar as solucións textuais doutras ben coñecidas versións dos poemas de Szymborska publicadas no ámbito hispano e non só.

Para os que se animen con estes Versos escollidos direi que o libro conta tamén cun breve pero informativo limiar de Caeiro, no que achega un sinóptico perfil biográfico da poeta, traza unha nótula caracterizadora do global da súa produción e xustifica os criterios de edición dos que se serviu para a tradución.

Esta é, por tanto, unha inmellorable ocasión para achegarse á orixinal poesía de Wislawa Szymborska, aquela dama fascinante —non en van a prensa italiana chegou a alcumala da ‘Greta Garbo do mundo poético’— que lembraba a concesión do Nobel como o día da ‘hecatombe’ que lle cambiou a vida, ela, que tan descansadamente vivía no seu discretísimo lar sen ascensor nin vistas, agasallando con bombóns e brandy os vellos amigos que por alí pasaban, despreocupada de que nun lonxe Fisterra unha esforzada tradutora e un editor con criterio acometesen a deliciosa empresa de regalarnos os seus mellores Versos escollidos.

NA NOSA BIBLIOTECA

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: