Skip to content
27/03/2012 / lernolosada

Tabucchi: Un dos imprescindibles

Categoría: Zona Aberta– Dioivo

Publicado o Domingo, 25 Marzo 2012 21:58

Escrito por Diego E. Barros

 Hai xente afortunada por recoñecerse no curruncho de mundo onde lle tocou nacer. Esta xente pode ser interesante. Hainos que ademais do anterior son capaces de deixarse levar polo corazón á hora de desafiar unhas razóns que só a arbitrariedade burocrática entende. Esta xente é a verdadeiramente imprescindible. Antonio Tabucchi era un deses imprescindibles. Nado en Pisa o 23 de setembro de 1943, Tabucchi morreu onte de cancro en Lisboa, o curruncho do mundo que quixo escoller desafiando as burocracias fronteirizas. Autor dunha vintena de obras entre as que destacan títulos como Piazza d’Italia (1975), Nocturno hindú (1984), Réquiem (1992) ou Tristano muere (2004), entre outras. Porén, Antonio Tabucchi será sempre o autor de Sostiene Pereira (1994), esa noveliña que vale por unha vida enteira, unha das máis fermosas e fondas que o que isto asina tivo a sorte de ter entre as mans.

Poucos autores lusos foron capaces de captar a saudade tan ben como o italiano Tabucchi. É certo que Portugal, país do que tiña nacionalidade desde 2004, era unha gran parte do seu mundo material porque o real era Fernando Pessoa (1885-1935) e a literatura enteira ―«o Internet da alma», dicía quen se confesaba un analfabeto dixital e seguía a escribir a man―, entendida como única patria verdadeira dentro das fronteiras dunha lingua, o italiano, o seu «país portátil» como el mesmo recoñecía. Todos sabemos dos escritores que engordan ese gran volume de tapas grosas chamado Canon. Tabucchi non era un deles aínda que a morte todo pode solucionar. Obtivo un recoñecemento tardío, adornado con premios como o Pen Club ou o Medicis, entre outros galardóns literarios por unha obra traducida a máis de corenta linguas. Mais só por dar vida ao vello xornalista Pereira ocupa desde hai tempo un lugar prioritario no altar dos heroes caídos, xunto a outros escritores enormemente menores coma, por exemplo, Benedetti. (Non sei por que cavilo en Sostiene Pereira e me ven ao maxín outra noveliña, Primavera con una esquina rota. A voltas coa beleza en estado puro).

Sostiña Pereira, do mesmo xeito que eu a Tabucchi, que coñeceu a Monteiro Rossi un día de verán. Foi na Lisboa de 1938 con Salazar facendo de Portugal o seu campo de xogos sádico, con España na outra beira da fronteira alumeando o fascismo e unha Europa indolente incapaz de ver que criaba o monstro no seu seo. E alí estaba Pereira, vello xornalista de sucesos á marxe de todo e de todos, que un día recibe o encargo de levar a sección de Cultura dun vespertino de segunda fila. Acontece que Pereira padecía da saudade de que todo o pasado era mellor polo que a súa especialidade eran os obituarios dos escritores mortos. Pereira, un morto vivo, obsesionado polos mortos pasados. Até a chegada do seu Lázaro particular, o seu axudante, un bolseiro dos de hoxe, especialista na morte pero cunha paixón pola vida tal para desafiar o imperio tenebroso que reinaba no seu arredor. E no mundo escuro de Pereira a luz abriuse paso dun xeito violento coma non podía ser doutro xeito naqueles tempos. Uns tempos que Tabucchi insistía en que estaban más presentes ca nunca ―«vivimos o presente absoluto», dicía nunha das súas últimas entrevistas―, mentres nós, como Pereiras, agardamos a espera da chegada dun Monteiro Rossi que nos axude a descubrir, por fin, o paiaso que desde sempre dirixe os nosos destinos. Sostiene Pereira é máis que un libro, un faro na escuridade da noite. O recordatorio de que pese a todo, sempre nos quedará un refuxio na cultura e no amor polo ser humano.

Máis aló da súa vertente literaria, Tabucchi foi un intelectual inconformista e comprometido co mundo que lle tocou vivir, polemista brillante e articulista dotado dunha capacidade de disección cirúrxica da realidade, viviu os últimos anos entregado á causa de liberar á súa Italia natal da enfermidade moral do Berlusconismo. A súa obra xornalística está recompilada en El paso de la oca (2010), unha labor pola que en España foi galardoado co Francisco Cerecedo de xornalismo. Desde a esquerda pero sen caer nos tontismo que tanto a ten desprestixiado nos últimos tempo, movíase fóra de toda etiqueta. Nunha entrevista de 1998 co galego Manuel Rivas, Tabucchi confesaba: «o fóra de xogo é unha posición que me convén. No fondo, todos os escritores están un pouco fóra de xogo, e sobor de todo están fóra de xogo os que cren ocupar o centro do campo». Referíase á súa alerxia ás novas tecnoloxías mais as súas verbas ben podían ser aplicadas á súa postura intelectual. Fustigou duramente a aqueles polemistas de hoxe que non queren ser definidos como intelectuais comprometidos porque se lles asocia ao comunismo. «E ninguén neste momento post que estamos atravesando quere ser tachado de comunista, especialmente porque a maioría o foron», sinalaba. En troques de ir á raíz dos problemas, estes pseudopensadores perden o tempo en loitas de escaparate aínda que o fascismo, «un invento europeo», segue a ser fascismo por moito que se vista cun traxe democrático.

Na miña memoria sentimental, Pereira tiña a aparencia apolínea de Marcelo Matronianni encargado de dar vida ao vello xornalista na versión fílmica que en 1995 dirixiu Roberto Faenza. Moito me temo que o Pereira real, o de Tabucchi non era así, mais tanto ten. Agora que os obituarios volven ser do máis interesante que se pode ler nos xornais de hoxe, para a eternidade só me queda preguntarme que diría o vello Pereira ao escribir o obituario de Antonio Tabucchi. Podemos imaxinalo.

NA NOSA BIBLIOTECA TEMOS NOCTURNO HINDÚ, publicado en galego por Positivas en 1996.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: