Skip to content
23/03/2012 / lernolosada

Francis Scott Fizgerald, o gran sedutor

‘Contos da era do Jazz’ é o título dunha obra de Francis Scott Fitzgerald que a editorial Rinoceronte acaba de editar, traducida por Rafael Salgueiro, e que Armando Requeixo analiza esta semana para o GC (Galicia Confidencial)

Por Armando Requeixo | Ames | 22/02/2012

Ler a Francis Scott Fitzgerald e revivir todo o glamour melancólico e autodestrutivo dos happy twenties son a mesma cousa. Ninguén coma el gozou tan intensamente aqueles anos de exceso, frivolidade e charm festeiro. A crónica daqueles tempos de ludismo irrefreable que mediaron entre o remate da I Guerra Mundial e a Gran Depresión ficaron inmortalizados en soberbias novelas como O gran Gatsby ou Suave é a noite, mais tamén en excepcionais libros de relatos, como os Contos da era do Jazz (Tales of the Jazz Age) publicados polo escritor en 1922 e agora traducidos ao galego por Rafael Salgueiro para Rinoceronte Editora.

Fitzgerald apurou a vida como se cada un dos seus días fose ser o derradeiro. Autor de enxeño feliz, escribía novelas de éxito entre as que intercalaba ducias de relatos que enviaba a revistas e xornais e estes pagábanlle por eles cantidades obscenas. Cartos que a nada chegaban, pois desbaldíaos ás presadas en compaña do seu amor, a top girl Zelda Sayre, coa que frecuentaba todos os locais de moda da Gran Mazá, as crazy parties das mansións dos seus amigos da alta sociedade neoiorquina e os máis luxosos hoteis, nos que recalaban para bailar charleston e consumir alcohol e outras drogas en cantidades industriais.

Ese é o mundo que aparece, como protagonista ou simple escenario, en moitas das historias de Contos da era do Jazz. Un territorio que o Fitzgerald sedutor e diletante agasallador de adxectivos cos que engaiolaba as súas conquistas coñecía como a palma da man. El, que fora criado por unha nai neurasténica que o sobreprotexía e adoraba con meco imposible as súas guedellas douradas, cun pai indolente que ficara á marxe na súa educación e que se tivo que resignar a observar como o seu fillo colleitaba en Princeton un expediente mediocre namentres brillaba con fulgor incomparable nos ecos de sociedade e nas páxinas literarias de Vanity Fair, Metropolitan, Saturday Evening Post, Collier’s Magazine, Esquire, Smart Set…

Moitas destas cabeceiras serían as primeiras receptoras das narracións de Contos da era do Jazz, unha ducia escasa de textos entre os que se atopan algunhas das máis celebradas historias do escritor, como a moi coñecida “O curioso caso de Benjamin Button” —moi popular a raíz da súa adaptación cinematográfica por parte de David Fincher no 2008— ou “O diamante tan grande coma o Ritz”, probablemente o mellor dos seus relatos, aínda que o propio autor reservaba para “O pirata de baixura” tal cualificativo.

O ambiente singular do Sur estadounidense, a histeria da sociedade do tío Sam naqueles tempos do Jazz —como el os bautizara— ou a reflexión sobre as crueis ironías do destino son outros tantos temas presentes nestes contos, que son, antes nada, testemuño dun mundo de atmosferas decadentes nos que os heroes e heroínas nos regalan instantes de extrema lucidez ás portas da disolución definitiva, da extinción do seu ser centrifugado por finais moitas veces tráxicos, como os que arrastraron a Zelda (morta no psiquiátrico no que pasou os derradeiros anos) ou o propio Fitzgerald (infartado tras queimar o alento derradeiro como escravo guionista do buraco negro hollywoodense).

Prosa delicada, veludo estilístico e simboloxía sutil son outros tantos trazos que caracterizan as páxinas de Fitzgerald, trasladas por Salgueiro con todo o glitter preciso, capturando na lingua de noso o revoar velaíño do seu fraseo. A edición que agora ofrece Rinoceronte Editora na súa colección Clásica fainos accesibles estes Contos da era do Jazz aos que moito ha compensar regresar.

NA NOSA BIBLIOTECA

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: