Skip to content
17/03/2012 / lernolosada

Pan Negro; Pa Negre. A novela e o filme.

Fragmento do artigo de Dolores Vilavedra De memoria e memorias en El País

Pan negro. Foi unha satisfacción atopar, en fermosa edición, Pan negro de Emili Teixidor, versión galega da novela catalá na que se baseou o galardoado filme. Máis satisfacción aínda foi atopar no interior o DVD coa película en versión orixinal subtitulada en galego. Feliz iniciativa, xurdida do pulo cosmopolita da Fundación Vicente Risco, que teima en poñer en diálogo a nosa cultura con outras do noso entorno sen ter que pasar pola aparentemente obrigada mediación do castelán. É boa cousa iso de que as nosas fundacións centren os seus esforzos en obxectivos concretos, máis aló do puramente conmemorativo e haxiográfico, e que atopen un espazo de seu no que intervir: só así poderemos aproveitar o inmenso capital intelectual e humano que se vertebra arredor delas, tan a miúdo desaproveitado polo erratismo ou a invisibilidade. Pero hai máis: a tradución e subtitulado de Pan negro foi adiante grazas ao apoio económico dalgúns amigos e patróns da Fundación, que cofinanciaron o traballo dos seus petos. Velaí un exemplo do futuro que nos agarda: dar un paso á fronte e apostar por aquilo no que cremos e por aquelo que queremos, sen agardar a que nolo poñan en bandexa. Ese é un dos camiños que temos que percorrer para sermos unha sociedade madura, que se respecte porque cre en si mesma e que, polo mesmo, se faga respectar. Mágoa que apostas coma esta corran o risco de ser unha pinga nun océano: só con continuidade e periodicidade na oferta, e con espazos específicos para cada tipo de produto, conseguiremos facelos visibles e fidelizar o consumo do público. Oxalá se consolidasen iniciativas coma esta, que suplan os déficits institucionais en políticas de audiovisual.

Por se fose pouco, a novela é magnífica. A eficacia do punto de vista infantil á hora de narrar as consecuencias da guerra xa foi demostrada abondo (Aqueles anos do Moncho de Neira Vilas, A lingua das bolboretas de Rivas) pois deita sempre unha ollada de incomprensión ou abraio sobre o fenómeno bélico que suliña de xeito tácito o seu absurdo radical. Pan negro é unha novela sobre a guerra e os seus efectos individuais e colectivos pero é tamén de educación sentimental. E aínda moito máis pois o elemento costumista non é o menos interesante. Por riba, chega a nós nunha convincente versión galega. Non se pode pedir máis. Pero é mágoa que teñamos que congratularnos do que debería ser habitual.

NA NOSA BIBLIOTECA

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: