Skip to content
07/03/2012 / lernolosada

Poemas para o 8 de marzo

Este 8 de marzo, Día das Mulleres, alumnas do noso Instituto, algunhas tamén retelladoras, lerán estes poemas, seleccionados pola profesora Inés Vidal, nun acto conmemorativo organizado polo Concello da Estrada.

1

María Lado naceu en Cee no ano 1979. Participou en varias antoloxías poéticas, traduce ao galego e escribe en prensa. Este poema pertence á serie “casa atlántica, casa cabaret”.

cuqui é pequeno de máis para ser un osiño de peluxe

e cáelle o naris

por iso non lle gusta ir á lavadora

nin que mamá o colgue a secar polas orellas

ademáis

bótame de menos durante o centrifugado

e eu a el                 ¿e se lle doe?

as orellas   ¿e se lle doen as orellas das pinzas?

ou estar só tanto tempo na trandeira

e eu a el        sobre todo hoxe que é luns e ti estás tan lonxe

así que o meto húmido debaixo das sabas

e apértoo

para que non chore máis que eu sexa xa grande

que me gusta porque sei que me quere pequeno

como só poden querer os osiños os nenos

que lle perdoan ata a dor das pinzas

como sei que ti e eu nos queremos

2

Estíbaliz Espinosa naceu no 1974, na Coruña, recibiu varios premios como poeta e a súa obra está traducida a varias linguas. Publica en El País, no ABC e é resposable de varios blogs na rede.

Lista de cousas que me prometín facer

Prometinme ser unha e prometinme ser dúas

estás dentro do meu texto, pero non dentro da miña vida

Prometinme ser o caber dun mundo, calquera, que non

soubese

porque nós, os seres, miramos o universo como querendo

caber nel

Prometinme deslizar neste poema o teu obxecto mariño

sen preocuparme en lembrarte, María,

sen teimar en lembrarte, María

porque non te lembro

Prometinme non revelar cal das miñas partes é metal

cal dos meus ollos de linda cosmonauta

Prometinme non revelar que es un recordo enxerto

que non te lembro, María, nin a curva da túa boca

Prometinme ser eu quen te mecese neste verso

prometinme tantas cousas, María, e todas

todas

sen saber a unha da outra, nada máis portando eu a túa

palabra no peto

3

O poema anterior de Estíbaliz Espinosa que foi escrito como homenaxe a María Mariño. A obra de María Mariño permaneceu practicamente oculta ata vinte anos despois da súa norte, nos anos oitenta. No 2007 adicóuselle o Día dás letras galegas. Este poema pertence  á súa obra Verba que comeza.

Está caendo a folla i en min nace primaveira,

Quen entenderá este mar vello?

Como digo onte sendo hoxe?

Como farto a miña verba do nacer que xa pasou!

Como reino nas migallas onde medrei un bon día!

Como piso forte sendo branda?

Como digo si si o non está escoitando?

Quen entenderá este mar vello?

Medro, medro e non sei onde parar.

Presa xa e ceguiña no cume

lévame,

lévame ó chan a verba.

Queda hoxe o chan soio

muxindo a pegada do tempo.

Mesturadas terras peneiran, peneiran fariña,

fariña que non fai masa.

Rebélanse as ondas ós mares,

os ríos afogan a pradeira seca,

os camiños non se atopan.

Quen entenderá este mar vello?

É outono i en min nace primaveira,

Quen o entenderá?

4

Vietnam

Muller, como te chamas? -Non sei.

Cando naciches, de onde es? -Non sei.

Porque escavaches esta gorida na terra? -Non sei.

Porque me mordiches no dedo anular? -Non sei.

Sabes que non che imos facer nada malo? -Non sei

De parte de quen estás? -Non sei.

Agora estamos en guerra, tes que elixir. -Non sei.

A túa aldea aínda existe? -Non sei.

Estes son os teus fillos? -Si

Vietnam’, trata sobre a muller e a guerra e foi escrito pola poeta polaca Wislawa Szymborska, descoñecida tamén ata serlle concedido o premio Nobel de Literatura en 1996.

5

Szymborska morreu hai un mes, pero deixounos entre outros moitos este poema epitafio que nos invita a pensar sobre a escritora, a poesía e o seu destino.

Epitafio

Aquí xace antiga como a coma

a autora dun par de versos. Eterno descanso

tivo a ben agasallarlle a súa terra, a pesar de que a defunta

non pertenceu a ningún grupo literario.

Mais tampouco nada mellor hai na tumba

agás estas rimas, de labaza e curuxa.

Transeúnte, extrae da carteira o teu cerebro electrónico

e pensa por un instante no destino de Szymborska.

Advertisements

One Comment

Deixar un comentario
  1. Eladio / Mar 12 2012 1:17 pm

    Noraboa ás participantes no recital. Segundo as miñas fontes fixérono xenial, deixando moi alto o pavillón do Losada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: