Skip to content
05/02/2012 / lernolosada

Charles Dickens, 200 anos

Información recollida nos suplementos Babelia de El País e Culturas de La Voz de Galicia

O sete de febreiro cúmprese o bicentenario do nacemento do escritor inglés Charles Dickens. Foi un escritor moi popular no seu tempo e continuou séndoo ata hoxe pola enorme calidade da súa narrativa. A primeira estrela global da cultura, convocando a multitudes cando realizaba xiras de lectura dos seus libros. As súas novelas e relatos foron levadas ao cine e a televisión de forma constante (400 obras), e os seus libros teñen sido reeditados unha e outra vez. Desde a súa morte, en 1870, publicáronse case cen biografías.

Segundo unha reportaxe da BBC Dickens aportou seis cousas ao mundo moderno: a celebración do Nadal grazas ao éxito de Canto de Nadal, a denuncia da pobreza, os personaxes da comedia moderna, o cine (segundo o gran director soviético Eisenstein os cementos do sétimo arte foron postos por Griffith baseándose nas ideas de Dickens como a montaxe paralela ou os primeiros planos), os nomes dos personaxes cheos de simbolismo e a nosa visión da lei e o dereito.

Naceu en 1812, e a súa familia instalouse en Londres en 1820. Cando só tiña 12 anos, en 1824, obrigado polo encarceramento por débedas do seu pai, traballou varios meses na fábrica de betume Warren, na zona industrial de Londres, insalubre e infestada de ratas. A xornada de traballo era de máis de 10 horas e o salario de seis ou sete xilins á semana (uns 30 euros na actualidade). Desta experiencia humillante xurdiu a súa forza creadora. A miseria e a explotación infantil reflectiuna en obras como David Copperfield ou Oliver Twist, que lle fixeron dicir ao mesmo Marx que Dickens ‘difundira máis verdades sociais e políticas que todos os discursos de profesionais da política, axitadores e moralistas xuntos’.

Comezou a traballar de periodista en 1828. O éxito de Os papeis do Club Pickwick permitiulle adicarse á literatura desde 1836. Acadou o cume da súa fama en 1843 con Canto de Nadal. As lecturas públicas das súas obras fixérono moi rico, unha das súas obsesións. Divorciouse da súa primeira muller, Catherine, coa que tivo dez fillos, mantendo unha confusa relación coa actriz nova Nelly Ternan. Camiñaba durante horas, ás veces ata 30 quilómetros seguidos. Compuxo, por entregas, 14 novelas que desde o primeiro momento tiveron un gran éxito. Faleceu, despois dunha extenuante xira de lecturas, o 9 de xuño de 1870.

Unha das grandes virtudes da súa obra é a capacidade para crear personaxes cribles e contar historias narradas con enorme habilidade. Publicaba case cada semana e sempre conseguía manter o interese dos lectores. Chegou a crear 2.000 personaxes nas súas 15 novelas, unha inacabada, O misterio de Edwin Drood. Sen ter en conta os seus numerosos relatos e artigos periodísticos. Todo este enorme bagaxe tiña dúas fontes de inspiración: a súa vida e a cidade de Londres. Un dos seus secretos era a enorme enerxía que tiña, unha forza que en gran medida procedía da súa relación con Londres, onde soubo descubrir un universo enteiro de ledicia e sufrimento, o mundo occidental do século XIX. Pero non se limitou a reflectir ese mundo, senón que obras como Oliver Twist ou Nicholas Nickleby abríronlle os ollos á xente sobre os malos tratos aos nenos nos orfanatos. A cidade de Londres pasou dun millón de habitantes a principios do século XIX ata 3,5 millóns no ano da morte do escritor. Era a capital do mundo, a onde chegaban cada día miles de persoas procedentes do campo para vivir moitas veces na extrema pobreza.

Como di o seu biógrafo Ackroyd: ‘Na súa obra o real e o irreal, o material e o espiritual, o concreto e o fantástico, o mundano e o transcendente conviven en precario equilibrio, só resolto polo vigor da palabra creada. Niso consiste a maxia de Charles Dickens’.

En galego

Os dous únicos títulos que podemos ler en galego son Canto de Nadal (Xerais e Kalandraka) e Oliver Twist (Galaxia). O tradutor deste último título, Moisés Barcia, para conmemorar o bicentenario, está publicando en galego Grandes esperanzas en anodickens.blogspot.com. Para Barcia a obra de Dickens segue vixente hoxe: ‘O feito de que o personaxe de Pip ao principio de Grandes Esperanzas decida cambiar o contorno familiar dun traballo sinxelo e honrado, da man do seu cuñado Joe, pola aspiración de ser un cabaleiro a quen tódalas portas se lle abren por obra e graza do diñeiro, lémbrame a deriva da nosa sociedade actual’.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: