Skip to content
06/12/2011 / lernolosada

Acto literario en Santiago no 25 aniversario da publicación de ‘Polaroid’, de Suso de Toro

07.11.2011

Tras «POLAROID» Por Suso de Toro

No ano seguinte á súa edición Polaroid entrou nas aulas dalgúns institutos de ensino medio, e non deixou de sorprenderme. Cando estaba a escribir, fabricar, aquel artefacto sentía o gozo da creación un tanto desesperada: quén me había editar aquel libro tan extravagante e bizarro?

Lembro que foi o meu amigo Pepe Barro quen lle falou do libriño anterior, Caixón desastre, a Luis Mariño, naquela altura o editor de Xerais, e o Luis interesouse polo que estaba a escribir. Luis Mariño era todo un personaxe dun Santiago e dunha época que merece ser contada algún día, sobre calquera outra cousa era un home moi culto e sempre a uliscar calquera nova na cultura e nas artes. O que estaba no aire apañábao el e logo transmitíao, era un axente comunicador. Non sei ben a lectura que fixo daqueles folios escritos na máquina ‘Underwood’ que aparece fotografada no libro nin tampouco da idea de que a fotografía fose parte do discurso do libro. Sei que a min amosoume o entusiasmo dun rapaz que estivese a argallar unha trasnada, como que estabamos a armar un foguete literario. Anos despois díxenlle a outro editor que se non fose o Luis ninguén me editaría semellante libro naquel tempo, contestoume que el si o tería editado. Non o crin daquela nin o creo hoxe, editar Polaroid foi un dos atrevementos do Luis Mariño, un editor que estaba alén da intrepidez. Obrigado, Luis.

Foron tamén intrépidas aqueles ensinantes que se atreveron a introducir entón nas aulas un libro así e que lles creou problemas en varias ocasións. Desde aquela ten mudado a cultura social e a través da televisión e da internet os rapaces medran co coñecemento dun nivel de violencia e de brutalidade na linguaxe que daquela era impensábel fóra dun libro adulto e minoritario, naqueles anos aqueles anos un libro así nunha aula era unha brasa nas mans. E, con todo, déronllo a ler aos seus alumnos adolescentes, había ser interesante lembrar os motivos daquela elección literaria. Pode que fose porque achasen nel méritos expresivos e pode que fose tamén porque encontrasen alí cousas que lles resultasen novas e que considerasen útiles para o seu alumnado.

Pasaron os anos e así e todo, a pesar da miña mala memoria, lembro con moita claridade o día no que á fin fun a Vigo coñecer o meu editor. O anterior libriño editáramo a universidade de Santiago e aquela era a primeira vez que trataba cun editor profesional e que ademais mostraba ilusión por editar o libro, supoño que é algo que un autor non esquece. Son ben lindos case sempre os comezos e mais é linda a xuventude. E coido que Polaroid ten algo do espírito da xuventude, téñolle envexa, pego no libro agora e aínda me bate con forza. Os primeiros libros créanlle logo incomodidade ao autor que foi escribindo outros e evolucionando, tamén Polaroid lla crea ao autor e con todo non podería renunciar a ese libro. Adoro esa intrepidez, esa insolencia. É evidente que non todo o mundo comparte esa querencia miña, é natural.

Desde sempre entendín que para un escritor non é cousa boa o frecuentar o trato doutros escritores, probábelmente nunca me acabei de sentir un escritor de vez e sempre me sentín un intruso, iso confirmóuseme xa por entón. Debeu ser nese ano de 1986 que coincidín cunha figura das letras, cando logo lle preguntaron “e que tal fulano é ese tal Suso de Toro?”, contestou sen dubidar: “Un completo insensato. Un tipo perigosísimo.” Iso é mesmo música nos ouvidos para ese lado salvaxe e infantil que necesariamente ten todo artista, mais non estou certo eu de que lle deba dar completamente a razón. Hai máis racionalidade da que parece nesa literatura e mesmo nesa figura de autor e non se entende cabalmente Polaroid nin ao seu autor naqueles anos se ignoramos o contexto histórico. Naqueles anos a Galiza estaba envolta nunha brétema de mixtificacións, tanto creadas desde unha autonomía que se estaba a instituír sen convencemento ningún por elementos moi reaccionarios como desde o nacionalismo galego, que vivía nun mundo de ensoñacións, incapaz de ser autocrítico e de aceptar a realidade social existente, tan complexa. E pois é un libro conscientemente inconsciente e por responsabilidade é irresponsábel e custiona ideolóxicamente aquelas mixtificacións consensuadas. E todo por causa de abrir camiños que me pareceron cerrados.

Tamén había de dicir aquí que sigo a pensar que a insistencia dos escritores en ofrecer unha imaxe de respectabilidade, de formalidade, é unha confesión de que desconfiamos de nós propios, tememos á nosa mesma natureza, que se alimenta da irracionalidade na que beben todos os artistas. Todo o que o artista ofrece aos demais nace primeiramente dese lago escuro do irracional. Se a sociedade pídenos finxir o que non somos daquela é que non nos acepta como somos.

O autor nunca foi tan libre como cando o escribiu e, sendo a creación literaria sempre un tipo de gozo, tampouco nunca se divertiu tanto. Pode que toda a graza que teña o libro estea aí, a alegría da liberdade creativa. Eu posteriormente referinme a asuntos estéticos para xustificar o seu valor; mixiricadas, todo se resume nun escritor novo que escribe o que quere e quéreo todo. Pura autoexpresión dun autor.

Desde o momento da edición tiven conciencia de que aquel libro aínda era un paso previo dentro dun propósito, ese propósito aínda me había pedir un libro máis extenso e elaborado e que acabou sendo Tic Tac anos máis tarde. Sen embargo non preciso xustificar Polaroid por propósitos máis amplos, pasan os anos e sigo a velo novo e incómodo, non muda a súa natureza ríspida, sempre a rir, sempre coa súa dor. As súas páxinas percorridas por inesperados arames eléctricos, nunca un “clásico” e sempre deliberada e ferozmente imperfecto. Teño envexa daquel autor que o escribiu, nunca xa alcanzarei a graza que el tiña.

Eis este libro que só existe en galego, nunca acabei de decidirme a editalo noutras linguas. Non sendo un libro autobiográfico e totalmente íntimo, está aquí a miña dialéctica co meu país, o meus países, a Galicia e a Galiza. Sempre pensei que as cousas que se falan a voces entre o autor e os seus países eran cousas moi particulares e que non se comprenderían ben fóra da familia. Quen sabe se non estou equivocado, pois todo cambia. Até desaparece o sistema de revelado da marca ‘Polaroid’, forma parte xa das cousas idas, da melancolía. Sen dúbida que ler este libro hoxe tamén é viaxar a algunhas cousas idas. Supoño eu. Con todo, trasncorridos vintecinco anos e atravesados limiares na vida do autor que non teñen volta, sigo a gustar del. Será porque Polaroid xa é pasado mais é un pasado presente.

Santiago, 10 de novembro de 2011

NA NOSA BIBLIOTECA

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: