Skip to content
28/11/2011 / lernolosada

O espírito do cabaleiro: unha novela para toda a familia

Xosé Manuel Eyré debulla, esta semana, ‘O espírito do cabaleiro’,unha obra de Cornelia Funke traducida por María Xesús Bello Rivas e editada por Xerais.

Por Xosé M. Eyré | Vigo | 08/11/2011 (Galicia Confidencial)

Reaparece, logo do Reckless, carne de pedra, Cornelia Funke nos trinques das librarías, esta vez con O espírito do cabaleiro. Mais outra boa ocasión para gozar dunha novela para mozos e mozas que dá moito máis do que se agarda, sempre que non tomemos  o texto só como un ben de consumo inmediato senón como alimento no que regustarnos logo de inxerilo. E en tanto non chegan as sucesivas entregas que completen a pentaloxía que autora proxecta para un Jacob que xa se converteu en personaxe fetiche. Porén esta O espírito do cabaleiro sería inxusto tela unicamente como ocasional recheo.

O primeiro comentario que nos merece a nova novela ten que ver coa maneira en que Cornelia atopa as historias. Se no Reckless, antes de comezar a novela, xa se citaba “Historia atopada e contada por…”, o cal indica para a relación existente entre a historia fabulada e a realidade, nesta ocasión foi unha visita á cidade de Salisbury a que desencadeou a escrita da nova novela. E aínda que a novela igual fora escrita igualmente, pesou moito o feito de poder ver o cadáver dunha rata atopada dentro dunha cabeza humana, a cabeza de William Longpee, medio irmán de Ricardo Corazón de León, fillo ilexítimo do rei Henry II. O animal morrera a causa da inxesta de arsénico…o cal reafirma a tese segundo a que Lonspee tería morto asasinado.

Xa abondaría, non sería necesario recuncar máis, porén tampouco resistimos contar o feito de que a autora procure modelos vivos, seres reais, a partir dos cales construír as personaxes, unha homenaxe a seres queridos e tamén outro vínculo entre o real e o imaxinario.

O coñecemento disto resulta transcendental. Transcendental sobre todo se temos en conta que, durante a lectura e descoñecendo ese dato, semella que estamos diante dun fantasioso discurso no que se mesturan espíritos e seres vivos, case coma se dun filme de animación se tratara. Sermos sabedores dese feito non modifica, en esencia, tal percepción, mais si lle dá unha nova dimensión á historia, lémola doutro xeito unha vez que coñecemos a súa unión coa realidade. Entón deixa de ser un curioso exemplo de mestura entre seres reais e espíritos, e o discurso convértese adquire matice de reivindicación da Historia como un fluxo continuo onde pasado e presente se funden, onde pasado e presente se contemplan e non como pólos opostos, onde as consecuencias dos nosos actos non se esgotan, non caducan. Se se quixer pode lerse tamén certo, e claro, aceno cara ás segundas oportunidades. Velaí que a nai de Jon e o pai de Ella ( os protagonistas centrais) teñen unha segunda oportunidade, igual que o mesmo Jon terá unha segunda oportunidade nun novo colexio, que cambiará  a súa maneira de entender as cousas, as cousas da vida, igual que o Longspee e a súa dona terán unha nova oportunidade de selar o seu amor para sempre. Diremos inclusive que tamén o lector que non coñeza a historia de amor entre Longspee a súa dona tamén terá a súa segunda oportuidade se non abandona a historia unha vez rematada a lectura.

Mais nesta historia, que tamén é a estrea de Cornelia Funke narrando desde a primeira persoa e onde se fabula como os seres reais e os ficticios poden axudarse mutuamente (Longspee, o espírito, axuda a Jon, faino madurar, e, sen Jon, Longspee seguiría penando un amor frustrado, incompleto), non é unicamente unha historia masculina, non é unicamente unha historia de cabaleiros. Aínda que, certamente, a historia relatada focaliza sobre todo actos masculinos (Jon, Logspee) cómpre non esquecer que Ella de Salisbury, a esposa de Longspee tamén é unha personalidade a reivindicar desde a perspectiva feminina ou feminista, foi a primeira gobernanta de Salisbury (falamos do século XII), foi a primeira muller en procurar o amparo da Carta Magna e negouse a casar en segundas nupcias, mantendo, como unha nova Penélope, sempre fe en que o seu marido non estaba morto e había reaparecer.

Así pois,  alén dos típicos tópicos temáticos deste tipo de narrativa ( valor da amizade, primeiras experiencias amorosas, rupturas matrimoniais, rebeldía, fidelidade e fe, personaxes que non “encaixan” na sociedade), que tamén están presentes, xa que por moi tópicos que sexan tamén é ben complicado imaxinar unha adolescencia onde estean ausentes, e como vimos insistindo, esta historia non debe rematar coa derradeira palabra lida, senón tamén ser escusa para ampliar coñecementos. Porén non podemos finalizar esta crónica libresca sen dicir que Cornelia Funke sabe manter ao lector pegado ás páxinas, fundamentalmente desde unha estratexia narrativa que dispón clímax intermedios que non esgotan a trama senón que a relanzan. Nin tampouco esquecer mencionar as preciosas ilustracións de Friedrich Heckelmann que, mantendo sempre o ar de misterio, reafirman o que diciamos de que a novela case se le como un filme de animación e rescatan o moi ponderado uso que a autora fai da caricatura.

NA NOSA BIBLIOTECA

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: